Os presidentes da Asociación PuntoGal, Manuel González González e de Proxecta, Angel Sánchez, asinaron un convenio de colaboración mediante o cal a Proxecta, Coordinadora Galega de Festivais de Cinema, se compromete a dar cobertura ás actividades realizadas por PuntoGal para promover a utilización do dominio a través dos seus órganos de expresión.
Ademais, e grazas a este acordo, as asociadas poderán obter un dominio .gal a prezos reducidos. A sinatura realizouse de xeito telemático.
PuntoGal e a Proxecta
PuntoGal, que supera os cinco mil cincocentos dominios rexistrados, vai continuar a promover convenios “que dan cobertura a entidades sen ánimo de lucro que promoven a difusión dunha das manifestacións culturais de maior aceptación popular e que, ademais, teñen a potencialidade de creación de riqueza en Galicia, o audiovisual”, en palabras do director xeral da PuntoGal, Darío Janeiro.
En palabra de Janeiro “a variedade e riqueza da produción audiovisual galega non se pode entender sen o papel activador e divulgador dos festivais, desde os que se consolidan como eventos masivos ata os máis especializados e que atenden a formatos máis concretos. Son un recordatorio de que o cine e outros formatos audiovisuais poden ter un ingrediente social e comunitario que, ás veces, as plataformas on line fan que esquezamos”.
Pola súa banda, Angel Sánchez quixo agradecer a colaboración de PuntoGal nunha iniciativa que fortalece as sinerxias de dúas entidades que comparten obxectivos como son fomento e difusión da cultura galega nas súas múltiples manifestacións. Proxecta é unha entidade que agrupa 16 festivais e mostras de cinema de toda Galicia, e que ten a vocación de traballar pola defensa e o impulso dun sector que hoxe constitúe un dos máis fértiles e activos do panorama cultural galego, tanto polo nivel e variedade das súas propostas artísticas e culturais, como polo volume de actividade e de atención ao territorio que desenvolven.
Os festivais son, en grande medida, garantes e activadores do talento audiovisual galego, e importantes compañeiros de viaxe para a industria audiovisual do territorio, ademais de dinamizadores culturais da nosa sociedade. O convenio entrambas entidades inclúe a posibilidade de que as asociadas de Proxecta poidan mercar un dominio .gal ao prezo reducido de 13 euros máis IVE. Para facer efectiva a oferta, terán que utilizar códigos promocionais a través dos rexistradores que colaboran na promoción, Dinahosting e Entorno Digital.