Santiago de Compostela, 26 de outubro.- PuntoGal, o dominio galego en internet, celebra este ano o 40 aniversario do Museo do Pobo Galego cunha rebaixa no prezo dos dominios. Nos rexistradores sumados a esta acción, as persoas interesadas poderán obter o seu .gal por un prezo máximo de 25 euros máis IVE dende o día 29 de outubro, data do aniversario do Museo, ata o día 12 de novembro. O dominio xa conta con máis de 4.100 rexistros entre os que figuran institucións, entidades sen ánimo de lucro, empresas e particulares. Todas as páxinas activadas deben ter, canto menos, unha parte dos seus contidos na nosa lingua.
Para poder utilizar a promoción, os interesados deben dirixirse ós seguintes rexistradores: Dinahosting, Entorno Digital, CDMon e Arsys. As distintas políticas de prezos que ofrecen os rexistradores durante este periodo fará posible atopar dominios dende 24.45€ ata os 25€ máis IVE, polo que PuntoGal recomenda visitar todas as páxinas dos participantes na promoción para atopar a mellor oferta e servizo que se adapte ás súas necesidades. O dominio ten habilitada unha páxina con toda a información ó respecto en www.dominio.gal/promotions/40-aniversario-museo-pobo/.
A promoción é resultado dunha colaboración co Padronado do Museo do Pobo, que inclúe tamén a difusión das actividades do Museo por parte de PuntoGal. Ademáis da promoción para o público xeral, a partir do 30 de novembro de 2017, os socios e socias do Museo do Pobo tamén se poderán beneficiar dun desconto na adquisición dos seus dominios a través dos rexistradores acollidos á promoción: Dinahosting, Entorno Digital e CdMon. Para eles o dominio .gal terá un prezo máximo de 13€+ive.
O dominio PuntoGal, xestionado por unha asociación sen ánimo de lucro co mesmo nome, ten previsto o reinvestimento dos beneficios que consiga, unha vez consolidado o dominio, en programas de promoción da lingua e a rede en Galicia. Nos vindeiros meses a asociación seguirá poñendo en marcha novas campañas sectoriais con colaboracións entre asociacións profesionais e culturais.
PuntoGal agradece, como sempre, o apoio da sociedade galega a este proxecto común. O dominio é voso.