Santiago de Compostela, 15 de maio de 2019.- PuntoGal, o dominio galego en internet, celebra este ano o Día das Letras, dedicado a Antón Fraguas, e o Día das Telecomunicacións e Internet cunha atractiva rebaixa no prezo dos novos dominios. Nos rexistradores sumados a esta promoción, as persoas interesadas poderán obter o seu .gal por un prezo máximo de 17 euros máis IVE. Os prezos rebaixados estarán vixentes dende o día 15 e ata o 31 de maio.
Para poder aproveitar a promoción, os interesados deben dirixirse ás empresas rexistradoras Dinahosting, Core, Arsys, Openprovider e Blacknight, que ofrecen distintas políticas de prezos e servizos con rexistro de dominios novos dende 15,95 ata 17 euros máis IVE. PuntoGal recomenda visitar todas as páxinas das empresas participantes na promoción e atopar a que se adapte mellor ás súas necesidades.
PuntoGal segue traballando para que todas aquelas persoas, asociacións, institucións e empresas que queiran visibilizarse na rede como parte da comunidade galega, poidan facelo. Despois de superar este ano os 5.000 dominios rexistrados, a asociación amósase tamén satisfeita de que as porcentaxes de renovación dos dominios seguen sendo moi altas.
A entidade lanzou en 2018 o seu programa corporativo de apoio a iniciativas relacionadas coa lingua, a cultura e as TIC en Galicia. Entre as actividades xa realizadas figura o apoio á localización en galego do navegador Firefox, o concurso de microrrelatos en colaboración coa RAG, o apoio ó Día das Rapazas nas TIC do CESGA, a First Lego League Galicia ou o recente apadriñamento do festival audiovisual de Cans. O dominio forma parte, igualmente, da Asociación internacional de dominios Geotlds.
PuntoGal agradece, como sempre, o apoio da sociedade galega a este proxecto común. O dominio é voso.