M

Rexistro

Promocions

Por que .gal

Como .gal

Rexistradores

Axuda

Preguntas frecuentes

Mapa do sitio

Ferramentas

i.gal

velaqui.gal

DGI

Actualidade

Novas

Comunicación

Historias PuntoGal

Nós

O dominio

O equipo

A asociación

Rexistrar ou revender

Dominio

PuntoGal

Rexistro

Promocións

Por que .gal

Como .gal

Rexistradores

Actualidade

Novas

Comunicación

Historias PuntoGal

Nós

O dominio

O equipo

A asociación

Rexistrar ou revender

Axuda

Preguntas frecuentes

Mapa do sitio

Ferramentas

i.gal

velaqui.gal

DGI

Impresión do diario
12/11/20
nosdiario.gal, na rede e en papel

Falamos con María Obelleiro, directora de nosdiario.gal.

Quen sodes e que facedes?

Nós Diario é un medio de comunicación de intereses galegos actualizado os 365 días do ano en www.nosdiario.gal e de martes a sábados en papel. A día de hoxe é o único diario en papel en lingua galega que pode atoparse nos quioscos e en puntos de venda de prensa. Consta de 32 páxinas a cor estruturadas en Galiza, Economía e Traballo, Internacional, Cultura e Deportes, coas seccións de ruptura Opinión e Tribuna.
Tanto o diario dixital como o diario en papel traen ao plano informativo temáticas que se botan en falta na axenda mediática, como a cultura galega, o traballo, os feminismos, a lingua, o ecoloxismo, a diáspora, os dereitos civís, a historia ou a memoria. Diríxese a un público de pensamento aberto, actual e implicado que non ve reflectidas as súas ideas de avance social na prensa convencional. Todo cunha ollada construtiva cara á realidade galega, co fin de contribuír a que o pobo galego conforme a súa opinión sobre información obxectiva e contrastada.
Os sábados acompáñao o suplemento semanal Sermos Galiza, doutras 32 páxinas a cor, que toma o nome da publicación nada en 2012. A oferta compleméntase con publicacións coleccionábeis, por entregas, de martes a venres, como “O escudo do Reino da Galiza: unha ollada internacional”, do investigador Héitor Picallo, ou “Os nomes do terror”, sobre os vitimarios, así como cos suplementos temáticos que se entregan con Nós Diario os sábados sobre patrimonio e memoria; economía e traballo; ciencia, ensino e medio ambiente e lecer, viaxes e gastronomía.

Podes facernos un pequeno resumo da vosa traxectoria?

Nós Diario edítao Sermos Galiza S.A., unha iniciativa colectiva formada por máis de 900 accións. Así, o proxecto non responde á expresión de ningún accionista particular nin dun número reducido deles, nin se sostén en apoios económicos e xornalísticos alleos á Galiza. Grazas ás centenas de accionistas e asinantes, en 2012 viu a luz o diario dixital Sermos Galiza -hoxe redireccionado a www.nosdiario.gal- e o semanario en papel co mesmo nome. Con motivo do quinto aniversario, en 2017, o Consello de Administración comezou a explorar fórmulas de crecemento alentado polas persoas accionistas, subscritoras e lectoras, que propuñan estender Sermos Galiza a máis ámbitos.
O proxecto para a saída dun diario en papel e un novo diario dixital anunciouse en novembro de 2017 e presentouse publicamente en xaneiro de 2018. Naceu vinculado ao obxectivo de lograr 3.000 subscricións, o mínimo para garantir a estabilidade financeira precisa. Desta maneira faríase posíbel afrontar os custos de edición do soporte en papel e do dixital. Unha vez conseguido o mínimo de 3.000 asinantes, en xaneiro de 2019, púxose en marcha Nós Diario, que viu a luz o 2 de xaneiro de 2020.

Cales son os vosos plans de futuro?

Dado que Nós Diario non ten ningún gran grupo empresarial da comunicación detrás e basea as súas contas nas subscricións, o obxectivo pasa por seguir a aumentar o número de asinantes para fortalecer o medio e facelo máis plural e máis forte, cun xornalismo de calidade, galego e independente, que só teña que render contas perante a verdade e a honestidade. Somos conscientes de que sustentar a viabilidade económica nas persoas asinantes permite editar en soporte dixital e en papel un medio de comunicación que practica un xornalismo sen cancelas e queremos seguir construíndo un espazo de comunicación galego que practica un xornalismo crítico sen estar amordazado polas subvencións nin pola banca. Acreditamos en que unha sociedade libre non se consegue sen unha prensa independente.
Nós Diario aposta por seguir a afondar no xornalismo multiplataforma e por continuar a explorar as sinerxías entre a edición impresa e todos os recursos e potencialidades que ofrece a linguaxe multimedia. Seguimos traballando para mellorar o diario en papel e para conseguir un dixital máis forte.

Cal é a vosa web? Por que elixistes ese nome? E por que preferides o dominio .gal?

O diario dixital é www.nosdiario.gal. Nós Diario nace en 2020, cen anos despois da revista homónima publicada pola xeración do 16 ou das Irmandas da Fala. O nome, que homenaxea aquel grupo de homes e mulleres, fala de todas e todos, de historia, de cultura e de galeguismo, cun deseño que expresa futuro, tal e como fixera daquela Castelao, cos códigos do noso tempo.
Non se contemplaba ningún outro dominio alén do .gal, tendo en conta as características de ambos os proxectos, o que nos identifica como pobo e que nos dá visibilidade na internet como galegas e galegos, cunha idiosincrasia de noso.

Que pensades que vos ofrece o dominio .gal?

Ofrece un identificador propio, unha marca que nos define como pobo cunha cultura e unha lingua propias, o orgullo de sermos galegas e galegos. Achega proximidade e calidade e representa un elemento diferencial dentro da globalización da internet. De feito, unha vez que en 2013 se recoñeceu oficialmente o dominio .gal, Sermos Galiza formou parte dos 93 primeiros enderezos que, con motivo do Día da Patria Galega, empezaron a súa travesía co .gal o 25 de xullo de 2013.

Moitas grazas, María. Hai algunha outra cousa que queiras destacar?

Nós Diario é unha realidade grazas ás máias de 3.000 persoas que acreditaron no proxecto facéndose subscritoras. Queremos expresar o noso agradecemento máis sincero a todas cantas persoas que, co esforzo colectivo, fixeron posíbel o que semellaba un soño. Apelamos a ampliar apoios en www.nosdiario.gal para dotar dunha maior fortaleza o medio desde 20 euros cada mes ou, o que é o mesmo, 60 céntimos ao día, menos do que custa un café. Este sería o prezo da subscrición para o acceso á lectura do diario dixitalizado na nube, mais Nós Diario conta con até 8 modalidades para facerse asinante.

Compartir

Compartir